xoves, 25 de setembro de 2025

¡¡Voluntariado Activado!!

 Boas,

Xa temos ao noso voluntariado disposto a botar unha man ou as dúas na biblioteca. Tivemos onte a nosa primeira reunión no recreo para decidir en que cousas preferían colaborar, porque non todo o mundo gusta de facer o mesmo, hai quen axuda a arrombar os libros, hai quen quere ler os contos á cativada pequena ou ir ao centro de día, baixar os libros ao recreo co Bibliopatio, a organizar as mochilas viaxeiras e hai quen ten tanta enerxía acumulada no corpo, que se apunta a todo, si, lestes ben a TODO. E tamén houbo quen estaba enfermo/a e xa viñeron hoxe para dicir onde preferían colaborar.

Fixemos unha foto pero aínda andamos pendentes de permisos de imaxes, así que en canto estea todo listo, publicarase.

Mentres tanto, ¡¡¡Viva o VOL-A!!!

Bicos mollados

Rosalía 

martes, 16 de setembro de 2025

Chamando ao voluntariado e aos debulladores

 Olaaa,

Temos xa o prazo aberto para que o alumnado de 5º e 6º da Lomba se apunte para entrar no voluntariado da nosa Lagoa. Estou segura de que moitos dos que xa estiveron o curso pasado repetirán e que teñamos novas incorporacións.

O club de lectura Debullando Contos ten así mesmo o prazo aberto e nas aulas de 4º, 5º e 6º da Lomba e nas de 5º e 6º do Anexo. Podedes apuntarvos para poder crear os grupos e comezar canto antes. De seguro que haberá moitos repetidores no club, e iso, é cousa boa.

Déixovos a foto da axenda deste curso que leva na portada o nome do PDI deste curso: "Érase unha vez na Lomba"


 Bicos mollados 

Rosalía 

martes, 9 de setembro de 2025

¡¡¡Voltamos ao colexio!!!

 Olaaaaaa

Que contenta estou de vervos de novo polo centro e como non, polas bibliotecas 😀💕

 

Este ano traballaremos o paso do tempo, ás diferentes culturas conforme avanza a historia da humanidade e o título do noso PDI é: "Érase unha vez na Lomba"

Estamos seguros de que aprenderemos un montón de cousas e que cando remate o curso, nas memorias dos diferentes ciclos e niveis quedará unha boa mostra de todo o traballado.

Estade atentos e atentas, que dentro de moi pouco pasarán Mariel e Patricia polas aulas de 4º en diante para que vos anotedes no club de lectura "Debullando Contos"

E na Lomba tamén pasarán para 5º e 6º por se queredes ser voluntarios desta Lagoa e botar unha man e dinamizar e promover a lectura.

Unha aperta ENORME, como presta estar con vós de novo.

Bicos mollados.

Rosalía