xoves, 30 de xaneiro de 2025

Día escolar da Non violencia e da Paz

 Olaa,

Todos os cursos e niveis participaron dunha ou doutra forma para realizar os murais que fixemos para este día. O alumnado de infantil e do 1º ciclo facendo mans que formaron o chan e a herba, os de 3º as pombas co lema deste ano: "Cantando e bailando, a Paz imos sementando" os de 4º e 5º as flores e follas co símbolo da Paz nelas e 6º coas frases e nomes de personaxes famosos en relación con ela.

Na Lomba, despois de varias semanas nas que parte do voluntariado da biblioteca, decidiu implicarse no mural que fixemos para este día, hoxe por fin rematamos e quedou listo. Partiu deles a idea de que os personaxes que participaban no mural, tiñan que representar a diversidade que existe na vida, que todo o mundo, sexa como sexa forma parte dela. Así temos persoas con vitíligo, cunha perna ortopédica, pasando un cancro... e todas elas están a gozar da vida, pois o primeiro de todo é que sexamos coma sexamos, nos levemos ben. Temos que lle agradecer tamén á profe Mónica que fixo de costureira para a roupa que se lle puxo a parte das personaxes.




A canción que se traballou este ano foi a de Paco Nogueiras "Apertas que voan" das que vos deixo a letra que se traballou en todas as aulas, pois se cadra máis que nunca neste momento temos que pensar no que significan as fronteiras que nos apartan e o pouco sentido que teñen salvo xeograficamente pola delimitación dun territorio, pero que non deberían ser máis ca iso.

 

















No patio cantamos e bailamos e mesmo en informática xogamos nas páxinas de Cokitos con actividades relacionadas.

 

En infantil sementaron e levaron a Paz as súas casas e unhas pombas, en 1º levaron unhas coroas, en 3º levaron uns lentes de paz... vamos, que por traballar nela non é, pero as veces da peniña pensar que temos que falar dela, cando segue a haber tanta guerra polo mundo adiante.

 

Dende a biblioteca recomendamos lecturas que se fixeron nas diferentes aulas coas nosas propostas.

Bicos mollados e cheos de esperanza e PAZ.

Rosalía

luns, 20 de xaneiro de 2025

Teatro na Biblioteca

 Olaaaa,

Hoxe parte do alumnado de 5º e 6º da Lomba usaron a biblioteca para ir ensaiando a obra de teatro que están a preparar xunto co profe Victor. Moitos destes actores e actrices tamén forman parte do voluntariado e mesmo dos clubes de lectura. 

¡¡¡Non nos chegan os recreos para facer todo o que queremos facer!!! Da gusto ter un alumnado tan implicado nas dinámicas do centro. Igual nuns anos vémolos na gran pantalla😊



Bicos mollados.

Rosalía

domingo, 19 de xaneiro de 2025

PILABOT

 Siiii, lestes ben, PILABOT!!!!

De novo entramos na campaña de Pilabot para recoller e reciclar pilas e baterías, que se somos dos que máis recollemos entre todos os centros ademais levariamos un premio, pero o que realmente nos importa é conseguir que non queden as pilas tiradas no lixo, que iso contamina moitísimo.

Pronto entregaremos nas aulas que participan, as caixiñas para ir recollendo nas casas este material, e se temos sorte e somos dos centros seleccionados, tamén teremos unha formación para ter moi, moi claro como é isto da recollida e reciclaxe de pilas.

Por se queredes ir botando un ollo, aquí vos deixo enlace á súa páxina. PILABOT 

Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 8 de xaneiro de 2025

Agasallos dos Reis Magos

 Bo día!!!! 

Xa estamos de volta no colexio e tivemos moita sorte, porque os Reis Magos pasaron tamén pola biblioteca e deixaron agasallos para nós. Como non podía ser doutro xeito, xa que eu escribín a carta, o que pedín foron libros e tamén xogos e música, que para o PDI deste ano veñen moi ben.

Aquí vos deixo unhas fotos nas que parte do alumnado de infantil, que estaba na biblioteca, axudou a abrir os paquetes e descubrir que había dentro. ¡¡Mi madriña!! que velocidade desenvolvendo, nótase que tiñan experiencia na casa, que antes case de ver o que estaba abrindo o primeiro, xa estaba todo todo fora😂😂😂


 





Xa me diredes se vos gustaron ou non.

Bicos mollados.

Rosalía