mércores, 17 de abril de 2024

Preparados para a creatividade con Lego WEDO

 Mañá empezamos coas sesións para 4º e 5º de LEGO WEDO. Están dentro da nosa biblioteca creativa e grazas a asesoría podemos desenvolver estas actividades de formación. Será unha primeira toma de contacto e despois... a imaxinación ao poder!!

Todo preparado e disposto😉😍


Bicos mollados.

Rosalía


martes, 2 de abril de 2024

Día do Libro infantil 2024

 Olaaa,

Xa estamos de volta das vacacións de Semana Santa.

Hoxe ademais do día do Autismo , celébrase tamén o Día do Libro infantil, data de nacemento de Hans Christian Andersen.

A sección patrocinadora deste ano é Xapón que difunde a mensaxe de Eiko Kadono e o cartel de Nana Furiya co lema "Navega polos mares coas alas da túa imaxinación".
 
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
 



Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 21 de marzo de 2024

Día da Poesía

 Olaa!!

Temos no expositor unha escolma de libros de poesía que están á vosa disposición para poder facer lecturas no plan lector ou cando vos cadre mellor, porque un día coma este hai que celebralo. 


 De feito, en 4ºA xa se puxeron as pilas e aquí temos o resultado.

Lembrade quen son eu, Rosalía, a ra que le poesía😉

Bicos mollados.

Rosalía

martes, 19 de marzo de 2024

Contacontos no Anexo

 Hoxe tivemos a sorte de contar coa presenza de David Rodríguez e o seu espectáculo "Superavoa" El é o escritor, ilustrador e contacontos deste fermoso libro.

Todo infantil estivo ben atento ao que lles contou e cantou, porque remataron cantando unha canción coa guitarra. Non perderon comba e pasaronno xenial. 

¡Que gusto ter este tipo de actividades no colexio! De seguro que en canto sexan quen de ler por eles mesmos, este vai ser un dos primeiros que collan na biblioteca.



Bicos mollados.

Rosalía




venres, 8 de marzo de 2024

Día triste

 Hoxe ademais de celebrar o 8 de marzo, día da Muller, enterámosnos do pasamento de Akira Toriyama aos 68 anos. 

O noso club de lectura, Debullando Contos está de loito, pois a sección manga que leva o profe Fernando ten moitas das series que escribiu, Dr. Slump, Dragon Ball... e que se levaron á pantalla converténdoas en anime.

Arale fixo que moitas nenas se decataran de que ser nenas tamén podía significar ser protagonistas, ser fortes, ser un pouco tolas e poderosas, sen complexos de ningún tipo. Así que unha parte deste 8M tamén vai adicado a Akira, pola súa visión do mundo, pois a única que venceu a Goku foi ela!!!

Aquí vai a nosa pequena homenaxe.

"Onda Vital!!!!!!"  



Bicos mollados.

Rosalía.

xoves, 7 de marzo de 2024

Día da Muller

 Bo día!!!

Temos o noso expositor preparado para dar visibilidade a este día. Dende o equipo de igualdade teñen preparadas unha chea de actividades e nós aportamos o noso gran de area para non ser menos, que as lecturas e os contos fan que aprendamos e sobre todo que non esquezamos.

Bicos mollados.

Rosalía


martes, 5 de marzo de 2024

Tivemos visita!!!

 Olaaa!!! Chegou o día e a cativada da Escola Infantil Municipal achegouse á nosa biblioteca!!! Tivemos unha manchea de rapazas e rapaces na lagoa, mira se é certo que eran tantos, que houbo que facer dúas quendas para poder estar dentro.

Viñeron ben agarradiños á corda para non se despistar e xa abaixo, na entrada ao colexio, o voluntariado da biblioteca estaba esperando para poder recibilos como se merecen e para axudalos a subir ata o primeiro piso, que é onde están os nosos libros.

Presenteime, e os voluntarios e voluntarias tamén, para a continuación empezar coa lectura escenificada dos contos. Eu non perdín comba, estiven moi atenta. 

Os primeiros comezaron con "Ola, Arco da Vella" e despois foi a quenda de "Os planetas" Ao rematar a actuación apareceron cos andeis móbiles onde están os libros máis adecuados para a súa idade e escolleron os que máis lles gustaban para poder velos, tocalos e lelos, algúns xa soliños e soliñas, outros coa axuda do noso voluntariado. 

Pasamos un ratiño moi agradable, tanto que cando nos decatamos, xa tiñan que marchar, que chegaba a quenda seguinte. Axudámolos a baixar e a amarrar de novo a corda para non se despistar polo camiño que aínda que estamos ao lado, mellor é ir seguros.



¡¡Máis rapazada chegando ao colexio!! Segunda quenda subindo á Lagoa. 

Desta volta, despois de me presentar, os libros lidos polo voluntariado foron "La manita" e "Chim, bam, bum" Este último vai de facer música e ao rematar ofrecéronlles facer música aos que quixeran, que non foron poucos, aínda que había quen era máis vergoñento ca outro. E tiveron unha sorpresa os artistas, Sara estaba de aniversario así que lle cantamos todos xuntos e xuntas para darlle os nosos mellores desexos.

 

Obviamente tras a música, ¡os contos!, que  non poden faltar nunha biblioteca, elixiron, cambiaron, intercambiaron, leron, léronllos... e de novo o reloxo facendo que visita rematara para o noso pesar. Axudamos a baixar as escaleiras, pediron que outro día fósemos nós a visitalos a eles e xa estamos a pensar cando poderemos facelo.

De recordo da súa visita, as mestras levaron un marcapáxinas para cada un, e supoñemos que hoxe xa estará nas súas casiñas, para que se lembren de nós e se queren, esta poida ser a súa lagoa, cando veñan ao colexio dos maiores. deixamos este vídeo para que poidades ver un pouquiño desta visita que tanto nos gustou.



Bicos mollados.

Rosalía