domingo, 20 de xuño de 2021

RECOMENDACIÓNS LECTORAS

 Bo día a todo o mundo:

Xa temos as recomendacións lectoras para este verán. Tedes moitas opcións, temáticas diferentes e música, pelis e libros tamén para papá e mamá, para cociñar, para aprender... o caso é ler nestes meses, ben na praia, ben no campo, na piscina ou no balcón, que para viaxar só precisamos do libro.

Aínda que as ides levar en papel, por se alguén as perde polo camiño coa ilusión de comezar as vacacións, aí vos quedan no blogue.

Desfrutade do Verán moito moito e volvede coas pilas cargadas para o próximo curso, que esperemos sexa un pouco máis normal ca este.

Iso si, seguide cumprindo as normas que TAN BEN cumpríades no colexio,  con sentidiño e prudencia.

 ¡¡¡Moitas apertas e bicos molladííííísimos e soleados!!!

Rosalía

xoves, 17 de xuño de 2021

LIBROS FANTÁSTICOS

 Si, xa sei, moitos diredes que os TODOS os libros son fantásticos, pero estes aínda máis. Os alumnos do colexio foron visitar a exposición que está no Auditorio e que abre boca para as actividades que convertirán Vilagarcía na "CIDADE DOS LIBROS" e maís cursos aproveitarán estes últimos días para botar un ollo a esta preciosidade de exposición. Déixovos as fotos e o programa, para que non perdades comba.





¡¡¡Bicos mollados!!!

Rosalía

martes, 8 de xuño de 2021

6ºA e 6ºB na Lomba

 

Os grupos de 6ºA e 6ºB traballaron nas súas aulas menos de que tiñan pensado nun principio, pois é un curso de preparación para o instituto no que tiñamos que condensar parte do non dado en 5º e pillounos un pouco o tren.

No primeiro trimestre coa axuda de google maps, de planos da oficina de turismo e de recompilación de fotos antigas, así como material editado polo concello, vimos os límites da Vilagarcía antiga, das anexións de Carril e Vilaxoan e de como se lle foi comendo terreo ao mar. Miramos edificios que aínda están en pe e como cambiou a contorna. Observamos esculturas que hai repartidas pola cidade e con barro fan unha escultura a escala coma se quixeramos poñelo nun parque, debuxamos o concello e miramos o escudo da cidade.

 


 

 

No segundo trimestre investigamos sobre a chegada do tren a Carril e todos os cambios que supuxo para a Vila. Non chegamos facer a saída ata o museo do ferrocarril. Con fotografías dende diferentes lugares do concello e as esculturas, colaboramos no vídeo da Paz. Despois de investigar sobre o efecto do Prestige nas nosas costas realizouse un cadro para participar no concurso das letras galegas “Xela Arias” pois un dos seus poemas titúlase “Marea negra” e outro “Urxencias” partindo de periódicos de galego e para facer un collage relacionándoo co covid .


No terceiro trimestre: Localizamos a Cortegada dentro do Parque Natural das Illas Atlánticas e a riqueza marisqueira que ten toda a zona, diferentes cultivos e formas de extracción as gárgolas dos edificios, as farolas das rúas, as diferentes formas das ventás, unha acuarela de “O verán en Vilagarcía” e un proxecto de arquitectura creando un edificio sostible AAA para crear nunha posible zona de Vilagarcía cun efecto contaminante mínimo e cun gasto enerxético autosuficiente.


Nos grupos non houbo demasiado interese pola busca de información e aínda que lles sorprendían os datos, non tiveron moitas inquedanzas, atribuíbles a non poder realizar os traballos cooperativamente, como estaban acostumados, polo que debido á tardanza na busca desa información, atrasaron as actividades a realizar.

 

 

5ºC e 6ºC no Anexo

 

As titoras destes niveis fixemos co noso alumnado ao longo do curso, un estudio xeral sobre Vilagarcía, traballando unha sesión semanal, coincidindo, case sempre, a cuarta dos venres.

O traballo repartido por trimestres foi o seguinte:


1º TRIMESTRE

- Recopilamos fotografías antigas de distintas zonas da cidade, utilizando diferentes páxinas webs, información subministrada polo concello e outras asociacións, libros recopilatorios...

- Conseguimos, cara a facer unha exposición, fotos actuais dos mesmos sitios, incluíndo fotografías feitas polos rapaces.

- Tamén fixeron saídas a algúns deses lugares para debuxar prazas, rúas, xardíns e monumentos.


2º TRIMESTRE

- Resumimos a historia de cada zona utilizando os paneis do concello da Ruta histórica de Vilagarcía.

- Montamos a exposición cos resumos e as fotografías ao longo da entrada e dos corredores do colexio, aproveitando para fixarnos e informarmos sobre o traballo que estaban a realizar sobre este tema os outros ciclos de primaria e que tamén está exposto polo colexio.

- Fixemos pequenas biografías sobre personaxes con maior ou menor relevancia que ían xurdindo ao afondar no traballo.


3º TRIMESTRE

- Explicamos a outros compañeiros, por grupos, os resumos e fotografías recopiladas de cada zona.

- Estudamos o plano de Vilagarcía, localizando as rúas e prazas da exposición, así como as rúas onde vive cada un dos rapaces da aula.

- Consultamos e limos distintos reportaxes de varios números da revista eSmás proporcionada polo pai dun alumno do centro. Centrámonos en artigos sobre rutas de sendeirismo, arqueoloxía, as festas de Santa Rita, San Roque e o combate naval, entrevistas a vilagarciáns e Vilagarcía en branco e negro, onde voltamos ver moitas das fotos que nós traballáramos.

- Neste último mes do curso, faremos saídas organizadas con todas as medidas de seguridade que existan nese momento, aos lugares máis próximos ao colexio, repasando os aspectos estudados e recopilados ao longo do curso neste traballo sobre a nosa vila.


NOTA ADICIONAL

O traballo resultou de moito interese, tanto para o profesorado como para os nenos, notábaselle que lles gustaba recadar información sobre o tema e impresionábanse con moitas cousas que íamos descubrindo.

 


 

5º A e B na Lomba

 

Neste curso 2020/21 o centro traballou sobre o Proxecto: Vive a túa Vila! Nela chegamos ao alumnado a coñecer un pouco sobre a historia da nosa vila.

Os nenos/-as de 5º elaboramos un LIBRO COA HISTORIA DA VILA dividido en tres partes correspondentes aos tres trimestres e un vídeo explicativo de cada unha das partes do libro.

Ademais no 3º trimestre realizamos un PLANO DE VILAGARCÍA onde marcamos os contidos traballados no libro e os nomes das rúas onde viven @s nen@s. Tamén temos programada unha saída pola vila para ver os monumentos e rúas traballadas.


Cando

Onde

Destinatario

A nosa historia”

trimestre

Páxina web

Comunidade educativa

Camiñando pola rúa”

trimestre

Páxina web

Comunidade educativa

Estamos de festa”

trimestre

Páxina web

Comunidade educativa


Produto

Actividades a desenvolver

Áreas

1.- Elaboración da parte do libro correspondente a MONUMENTOS ( Pazo de Vista Alegre, Pazo da Golpilleira…).

2.- Vídeo explicativo do alumnado.

- Descrición do Pazo de Vista Alegre.

- Situar os monumentos na liña da historia.

- Explicar que a nosa vila foi a primeira en declarar a independencia aos franceses.

- Conservación e protección de monumentos.

- Busca de información.

- Lingua Castelá

- Ciencias Sociais

- Contidos transversais (coidado do medioambiente)

- TICs

1.- Elaboración da parte do libro correspondente a HISTORIA DO NOME DAS RÚAS(Dr. Tourón,Praza da Independencia…)

2.- Vídeo explicativo do alumnado.

-Coñecemento da historia e cultura da nosa vila.

- Busca de información.

- Realización de planos e itinerarios (3º trimestre)

- Conservación do medioambiente.

- Matemáticas.

- Ciencias Sociais.

- Ciencias da Natureza.

- TICs.

- Contidos transversais

1.- Elaboración da parte do libro correspondente a ORIXE DA HISTORIA DAS FESTAS da nosa vila( S. Roque, Sta. Rita…)

2.- Vídeo explicativo do alumnado.

3.- Plano de Vilagarcía de Arousa.

4.- Lenda da “ Casa das 1000 ventás”

5.- Saída cultural pola vila.

-Coñecer a cultura, tradicións, lendas e refráns relacionados coa vila.

- Traballar valores relacionados có embalse de Castroagudín (aforro de auga…).

- Situar os monumentos e rúas traballadas no Plano de Vilagarcía, ademais dos domicilios do alumnado.

- Lingua Galega

- Ciencias Sociais.

- Ciencias da Natureza.

- TICs.

- Matemáticas.


Cómpre sinalar que debido aos grupos burbulla non se podían realizar as exposicións orais nas aulas polo que decidimos realizar un vídeo explicativo de cada unha das partes do libro e expoñelo na páxina web do centro para achegar a todo o alumnado e familias o noso proxecto.


 

4ºA e 4ºB da Lomba

 

No primeiro trimestre deste curso 2020-2021 os grupos de 4ºA e 4ºB tivemos que facer un cambio, por motivos alleos a nós, e comezamos polas actividades do :

PRODUTO 3: LUGARES HISTÓRICOS NO NOSO CONCELLO.


As actividades programadas e realizadas foron:

  • Estudo da “Prehistoria de Vilagarcía” (antes do s. XV): pazo de Vista Alegre, convento de Vista Alegre, Castro Alobre, Monte Lobeira, Cemiterio inglés, petroglifos de Bamio,

  • Localización deses lugares no mapa, empregando “Google Maps”.

  • Traballos individuais de fotografías e recompilación de información como tarefas extraescolares.

  • Elaboración de traballos escritos coa información recadada e envorcado á páxina web do centro.

  • Visita á “Casa das mil ventás” (Pazo dos duques de Terranova”).

  • Montaxe dun puzzle xigante da “Casa das mil ventás” e exposición do mesmo no corredor do 2º andar.

  • Elaboración dunha montaxe de vídeo por Halloween con fotos da visita á “Casa das mil ventás”.

  • Elaboración dunha montaxe de video coas fotos individuais que fixeron e fotos antigas de lugares históricos de Vilagarcía.


A actividade da visita a Cortegada programada xunto cos estas tarefas e actividades, posponse para ver se hai posibilidade de realizala a finais de curso.


Todas estas actividades realizáronse tanto de modo individual como grupal, favorecendo a cooperación, a valoración e o respecto polo traballo e produccións propias e alleas fomentando o traballo conxunto entre as dúas clases (4º A e 4ºB).


As áreas traballadas con estas actividades foron: lingua castelá, lingua galega, ed. plástica, ed. física, matemáticas, cc.naturais, cc. sociais e ed. en valores.


GALERÍA

Tanto as fotos como as montaxes de vídeo poden verse na aula virtual, na páxina web do centro ou no blogue da biblioteca.


VIDEO: “La casa de las 1000 ventanas y los moradores de A Lomba”.

https://youtu.be/C4GTsyT_HrU


VIDEO: “Vilagarcía histórica”

https://youtu.be/21mP9je-jvs


No segundo trimeste deste curso 2020-2021 os grupos de 4ºA e 4ºB fixemos as actividades programadas e complementarias ao traballo do primeiro trimestre.


PRODUTO 2: Elemento multimedia. “Personaxes célebres de Vilagarcía e arredores”


  • Recabar información a través da busca en libros, internet e transmisión oral de familiares, sobre personaxes da zona que foron tan relevantes que quedou Constanza deles en libros, nomes de rúas, prazas, estatuas, placas conmemorativas…

  • Investigación sobre a historia de cada unha destas celebridades. Busca de fotos e localización de estatuas, rúas e placas de homenaxe.

  • Envorcado da información nun elemento multimedia que se engadirá en forma de libro dixital da nosa páxina da aula virtual.

  • Lectura de poemas da escritora Xaquina Trillo (poetisa) polo día da muller.

Os personaxes célebres incluídos no noso libro dixital colgado na páxina do curso de 4º na aula virtual son: Castor Sánchez, Ramiro Carregal, Rosa Diz, doutor Manuel Tourón, José Fontán, Antón Paz, Enrique Valdés Bermejo, Xaquín Chaves, Xaquina Trillo, Carlos Blanco, Felipe Rodríguez (“Pantera”), Víctor Viana, Manuel Jiménez e o doutor Xosé Moreira Casal.

A visita grupal aos puntos máis relevantes nos que hai algún elemento en homenaxe a estas celebridades posponse para o vindeiro trimestre xa que non se deron as condicións climatolóxicas axeitadas para poder realizala.

Todas estas actividades realizáronse tanto de modo individual como grupal, favorecendo a cooperación, a valoración e o respecto polo traballo e polas producións propias e alleas fomentando o traballo conxunto entre as dúas clases (4º A e 4ºB).


As áreas traballadas con estas actividades foron: lingua castelá, lingua galega, ed. plástica, matemáticas, cc. sociais, TIC.s e ed. en valores.


Fotos da celebración do día da muller.

Na semana do 8 ao 12 de marzo, os nenos e nenas de 4ºB recitaron uns poemas da poetisa vilagarciana XAQUINA TRILLO pola celebración do DÍA DA MULLER.

 


 

No terceiro trimestre deste curso 2020-2021 os grupos de 4ºA e 4ºB fixemos unha pequena variación sobre as actividades programadas xa que se deron mellores condición climatolóxicas para completar o traballo iniciado no segundo trimestre.


PRODUTO 3: Elemento multimedia. “Estudo das nosas rúas e visita aos monumentos conmemorativos de Vilagarcía”


  • Recabar información sobre as persoas, feitos ou celebración que dan nome ás rúas nas que viven os rapaces das nosas aulas.

  • Buscar os elementos que resaltan na rúa onde vivimos e que a fan doada de localizar para os demais.

  • Busca en planos e Google maps a ubicación das nosas rúas.

  • Realización dun traballo escrito individual sobre a información recabada e envorcado nun elemento multimedia que será colgado na aula virtual do curso.

  • Roteiro polas rúas e visita aos monumentos conmemorativos facendo unha xincana para dar rematado na estatua na honra do boxeador “Pantera”.

  • Comida e tarde de xogos na Praia de Vilaxoán.


Todas estas actividades realizáronse tanto de modo individual como grupal, favorecendo a cooperación, a valoración e o respecto polo traballo e polas producións propias e alleas fomentando o traballo conxunto entre as dúas clases (4º A e 4ºB).

Hai que darlle os parabéns a too o alumnado deste curso xa que se cumpriron todas as expectativas de traballo coa dificultade engadida de cumprir todos os protocolos COVID, como por exemplo nos desprazamentos.

Todos os desprazamentos foron a pé e facendo roteiros en grupos separados para non romper os grupos burbulla.

As áreas traballadas con estas actividades foron: lingua castelá, lingua galega, ed. plástica, matemáticas, cc. sociais, TIC.s e ed. en valores.


Cabe dicir que foi un tema que lle interesou moito aos rapaces, sobre todo pola proximidade dos lugares de traballo e que, en moitas ocasión, cada un traballou sobre a mesma rúa na que vive.

Pasárono moi ben en todas as actividades aínda que foi unha mágoa non poder compartir todas experiencias estando todos xuntos.

Agardamos que esta situación mellore para o vindeiro curso.


Exemplos dalgúns traballos realizados por rapaces de 4ºB

Eu chámome Paula Ferro Mouriño e vivo na rúa Fonte da Coca. 



Este é un lugar onde, desde hai moitísimos anos, a xente vén a coller auga para beber nas súas casas. Tamén é un parque onde xogan os nenos e pasean os cans.


O que non sabe moita xente é que existe unha lenda sobre este lugar e vola vou contar:

Un home chamado Pablo ía deica á Feira do Vintecinco de Carril. Para non perder tempo, decidiu saír cedo da casa, tanto que aínda era noite pechada cando puxo rumbo cara alí. Ao chegar á altura da fonte, atopouse de súpeto cunha moza de longos cabelos louros e beleza suprema que non paraba de ollalo mentres gardaba as súas galiñas. Sacándoo do seu ensimesmamento, a moza preguntoulle a onde ía a aquelas horas tan temperás. Aínda que dubidoso, Pablo fíxolle saber que se dirixía cara á Feira. Amosando un grande interese, a moza pediulle que lle mercase unha clave de ouro para o galiñeiro, xa que as aves non paraban de se lle escapar. 

  • Pero tráema agochada para que non lle dé o sol, senón non a quero.

Preguntándolle que gañaba el con iso, a moza respondeulle:

  • Dareiche cen pezas de ouro

E alá continuou Pablo o camiño deica Carril, cavilando se o que lle prometera aquela extravagante muller sería verdade. Unha vez na Feira, acordouse do favor pedido pola moza e, buscando entre a multitude, atoupou a un home facendo zocos. Así, ocorréuselle pedirlle un anaquiño de madeira a modo de clave que servise coma peche para o galiñeiro. Ao rematar as compras, desfixo o camiño para chegar de novo á súa casa. Á pasar pola fonte, atopouse outra vez coa muller coidando das súas aves. Inmediatamente, requiriulle o tan prezado obxecto. Desta forma, Pablo sacou o anaco de madeira e deullo, ao que a loura respostou meténdose nun furado da fonte e saíndo cun saco cheo de ouro.

  • É para min?

  • Si, pero cunha condición: non podes miralo ata chegar á túa casa.

Sen entender moi ben o por qué daquela absurda prohibición, o home colleu o saco e continuou o camiño de volta ao seu fogar. Mais, unha vez cruzado o río, non foi quen de resistirse a abrir o saco para comprobar se efectivamente contiña no seu interior as cen moedas prometidas. Inesperadamente, todo o ouro comezou a se tornar carbón no mesmo momento de abrilo.

  • O meu ouro, o meu ouro! Todo o meu ouro se converteu en carbón por idiota! De non telo mirado, agora seríamos todos ricos!

E este é o motivo polo que o terreo anexo á Maroma onde aconteceu tal desgraza é coñecido actualmente coma “O Ouro”, na honra do home que, froito da impaciencia, perdeu a oportunidade dunha vida acomodada en cuestión de segundos.”



Desde a miña casa podo ver o parque da Coca coa fonte, un bazar chinés, unha fábrica de metal, o supermercado Alcampo e Mapfre.

O que máis me gusta da niña rúa é A MIÑA CASA.





O meu nome é Mathías Lizárraga Chávez e vivo na rúa Alejandro Cerecedo.

Esta rúa atópase entre a rúa Castelao e a avenida do Doutor Tourón. O nome desta rúa está adicado a Alejandro Cerecedo, un profesor dunha escola de rapaces que se chamaba LEÓN XIII e estaba onde hoxe se fai o mercadillo.

Este Mestre foi a Inglaterra a completar os seus estudos e ao volver fundou unha academia. Por todo este traballo de ensino a tantos rapaces, se decidiu pedir que se lle puxera o seu nome a unha rúa de Vilagarcía.

Tamén ten unha escultura co seu busto nos xardíns do Doutor Fleming.


Desde a niña rúa podo ver o parque da Xunqueira, a Praza de España, o Centro Comercial, a panadería Yoli e a tenda Emilio Iglesias.

O que máis me gusta da miña rúa é o Parque da Xunqueira.




 

Somos Iria Varela Besteiro e Chiara Hernández Placer e vivimos na rúa Vilaboa de Sobradelo

Moi pretiño da nosa casa hai unha fonte moi antiga e coñecida da que vos deixamos unha fotografía

 




Chámome Rbison Hernando Villamil Ibarra aínda que todos os meurs amigos chámanme Nando, vivo no paseo García Caamaño.



 

Dende aquí podo ver o parque da Xunqueira, un dos lugares máis coñecidos de Vilagarcía e onde moitas veces cobran protagonismo as festas de Santa Rita co Mercado Medieval e de San Roque con concertos, fixen unhas cantas fotos para que coñezades o lugar.

 



 

 

 

 

4ºC Anexo

 

As actividades a desenvolver foron as seguintes:

No 1º trimestre:

  • Fixéronse traballos de investigación elixidos polo alumnado que tivesen relación coa PDI establecida, tales como:



Investigación sobre as festas célebres, celebradas en Vilagarcía e arredores.

O alumnado buscou en distintas fontes información das festas máis coñecidas de Vilagarcía e arredores, e tamén fotos relacionadas con dita temática.

Por poñer dous exemplos a FESTA da AUGA, FESTA DE SAN ROQUE, COMBATE NAVAL, as REVENIDAS…

En canto á primeira, celébrase desde 1984 no noso municipio. Festa declarada de interese turístico nacional grazas a gran influenza de xente e o entusiasmo que xera nos veciños e visitantes, cuxo obxectivo principal é disfrutar do día e quedar mollado dos pés á cabeza.



O alumnado buscou información, programa, carteis, imaxes, mapa e ubicación das festas, tal e como se aprecia nos murais expostos no corredor do segundo andar.

Realízanse murais e expóñense na aula.

No 2º trimestre:



  • O alumnado elixiu e traballou rúas, río, praia e parques coñecidos de Vilagarcía, tales como:

O Castro, Golpelleira, o río do Con, praia de Compostela, Rosalía de Castro, parque de Miguel Hernández…o alumnado recadou información e realizouse traballo na aula e visita nalgún caso.



Tendo en conta que se traballou a rúa Rosalía de Castro, unha das nenas da aula, expuxo diante dun tribunal composto por catro mestras do centro, a vida e obra da poetisa galega.

Tamén estudamos a Miguel Hernández e a súa obra. Deste xeito, o alumnado foi visitar o parque de Miguel Hernández cuxa placa atópase nel. Visitamos a Praia de Compostela e o alumnado puido gozar, no mes de marzo, da paisaxe que a rodea.

No 3º trimestre:



  • Traballouse na aula a vida dalgunhas mulleres que foron ou son recoñecidas en Vilagarcía con traballos que se expuxeron na entrada do colexio.



Aquì deixo algúns exemplos de MULLERES traballadas na aula.

3ºC do Anexo

 

    1º TRIMESTRE

  • Este curso non puidemos traballar no PDI ata finais do 1º trimestre debido a que houbo que facer un traballo engadido para afianzar as aprendizaxes do curso pasado polas circunstancias da pandemia.

  • Tratamos de seguir a programación, pero houbo certa flexibilidade tendo en conta os intereses e as iniciativas do alumnado na realización das actividades.

  • Comezamos coa aplicación “Google Earth” para ter unha visualización xeral da nosa vila: elementos da paisaxe natural, transformada e as parroquias que forman o noso concello.

          Traballamos e interpretamos o mapa de Vilagarcía: Situación xeográfica, orientación, formas do relevo, construcións, parroquias do concello…

  • 2º TRIMESTRE

  • Fixemos un percorrido polas rúas do pobo na web “Street View”, localizando os lugares e edificios emblemáticos, o noso colexio, os parques onde xogamos e as nosas casas.

  • Aprendimos a interpretar un roteiro.

  • Realizamos a ruta histórica seguindo o mapa, cada un coa súa familia.

  • Investigamos sobre o escudo e a bandeira de Vilagarcía. Realizamos un debuxo e un traballo sobre o seu significado.

  • Vimos vídeos sobre a Vilagarcía dos nosos avós e bisavós: “Cando o mar bañaba Vilagarcía”, “Vilagarcía antiga”, “A Vilagarcía dos nosos avós”,”A Vilagarcía perdida”, “Aquel xardín de Ravella”, “Arosa Bay”,…

  • Esta actividade espertou gran interese nos alumnos e de aquí xurdiron iniciativas e propostas de traballos.

  • Supuxo un acercamento ás formas de vida e costumes nas épocas pasadas resultando moi enriquecedor.

  • Descubrimos que as mulleres levaban cestas na cabeza, o oficio das lavandeiras, a “roupa a clareo”, abastecemento da auga das fontes utilizando “baldas ou sellas” que tamén levaban as mulleres na cabeza, nenos da súa idade levando un carro de vacas, …… e todo o riquísimo patrimonio que xa non existe.

  • Comparamos fotos antigas e actuais das prazas e das principais rúas.

  • Iniciamos a busca de información e elaboración de pequenos textos para as exposicións orais “Sabías que…?” sobre os seguintes temas:

  • A orixe de Vilagarcía.

  • Edificios e construcións: Balneario da Concha, Casa de Cachúmbala, Casa Güimil, Lavadoiro do Con, Peirao de Ferro e o edificio do Anexo.

  • Escultura do “Dr. Fleming” situada no xardín que leva o seu nome e que está diante do noso centro.

  • Bibliografía do Dr. Fleming.

  • Praza de Ravella.

  • Praza da Independencia.

  • Lobeira e o seu castelo medieval.

  • Rebelión dos vilagarciáns contra a invasión dos franceses.

  • Visita da Flota Inglesa e anécdotas.

  • Fundación do tren: o tren Sarita e o tren de Varela.

  • Visita de Sorolla.

  • Lendas: lenda da “Coca”, lenda do “Louro” e lenda do “túnel entre Lobeira e Vista Alegre.

  • Festa de San Roque: acompañamento tradicional do santo desde a parroquia á capela de San Roque e o pasodobre do “Triunfo”.

  • 3º TRIMESTRE

  • Neste trimestre continuamos co traballo de investigación, realización de textos e exposicións orais iniciado no 2º trimestre.

  • Decidimos facer un libro coa recompilación dos traballos.

  • Aproveitamos as fotografías recollidas na elaboración dos traballos para expoñelas no corredor.

  • Un vídeo sobre a visita da flota inglesa.

  • Conto baseado na invasión dos franceses de Vilagarcía.

  • Saída ao Monte Xiabre para traballar:

  • Goce da natureza.

  • Observación da paisaxe natural e modificada de Vilagarcía.

  • Debuxo dun sinxelo mapa.

  • Observación da vexetación e da fauna.

    Interpretación de carteis informativos: normas e comportamento nun espazo natural.

  • AVALIACIÓN

  • O tema espertou grande interese nos alumnos e as súas familias; sendo bastante satisfactoria a súa implicación.

  • O feito de empezar tarde, así coma a cantidade de produtos que foron xurdindo, fixo que o tempo se quedara curto. No momento de facer esta memoria quedan algúns traballos por rematar que serán acabados nos vindeiros días.

  • MATERIAIS E FONTES UTILIZADOS PARA O TRABALLO

  • Mapas da oficina de turismo do concello.

  • Páxina web: www.patrimonio vilagarcia.com

  • Víctor Viana. Historias villagarcianas. Xunta de Galicia.

  • Marcos Calveiro. O xardineiro dos ingleses. Ed. Galaxia. Vigo 2017.

  • Vilagarcía a perla de Arousa. Deputación de Pontevedra.

Revistas “eSmás Vilagarcía”.