venres, 31 de marzo de 2023

O que tal aprendimos sobre os sellos

 

Olaaa!!!

¿ Verdade que é chulísima a exposición de Sellos? Pois ademais de poder visitala, os cursos de primaria estiveron con charlas para coñecer un pouco máis este mundo tan emocionante. Dende os seus comezos no Reino Unido, o Black Penny, os diferentes tipos, con dentes, sen dentes, con troquel... aprendemos que por ser os inventores, no Reino Unido só poñen a cantidade do que custan, pero non poñen o país, e no resto do mundo teñen que poñer o nome do país e o custo do sello. En España a encargada de imprimir os sellos é a Fábrica Nacional de Moneda e Timbre.

Para poder mandar unha carta por correo postal temos que pegar un sello na parte superior dereita e poñer o nome, enderezo e localidade de onde o imos enviar xunto co código postal e a provincia (e país se vai ao estranxeiro) Sen eses datos, os carteiros non poden ser adiviños e facer que cheguen as cartas ao seu destinatario. Tamén é importante poñer o remite nas cartas, é dicir, o nome e enderezo da persoa que manda a carta para que e houbera algún problema na entrega, poidan devolverlle a carta.

Aprendemos como escribir as cartas, distintos tipos de tarifas segundo sexan urxentes, certificadas, antes por avión, porque hoxe en día vai por avión cando é para o estranxeiro, pero antes ían en coche ou barco, e tardaban máis, se querías rapidez había que pagar un extra. En fin, que nos contaron un montón de cousas sobre este medio de comunicación e ademais nos agasallaron con sellos usados para poder comezar unha colección. Si, escoitastes ben, colección de sellos, porque non so serven para pagar o franqueo (o que custa envialo) senón que podemos despegalos dos sobres meténdoos en auga e unha vez secos, gardalos en albumes.

Hoxe en día hai unha variedade enorme, hainos que se fabrican e levan unha semente que despois podes plantar, hainos en 3D, hainos con hologramas, con relevo e braille, os que forman parte de tarxetas co sello incrustado, conmemorativos de eventos deportivos, de series de monumentos, de literatura (de Harry Potter tamén), de todo o que vos poidades imaxinar.

Esperamos que vos gustara moito e que aprenderades moito tamén e así ampliar coñecementos deste noso PDI sobre os medios de comunicación. Deixo un pequeno vídeo de parte das charlas e de como poñiades as cartas na pequena caixa do correo que se instalou na biblioteca e que a estas alturas xa debedes ter na vosa casa.

 


Bicos mollados.

Rosalía

luns, 27 de marzo de 2023

Inaguración da exposición de Correos

 Olaaa, hoxe 27  e ata o 29 de marzo, teremos no edificio da Lomba unha exposición sobre sellos e o funcionamento de Correos . Dentro do noso PDI sobre os medios de comunicación non podía faltar este, de feito, ao saber dende o curso pasado que foramos elexidos para poder desfrutar desta exposición itinerante, decidir a temática deste ano foi algo moi doado. 

Para a inauguración contamos coa presenza das responsables das oficinas de Correos de Vilagarcía e Santiago, co concelleiro de Obras e servizos do Concello, co presidente da Sociedade Filatélica  Española xunto co comisario da exposición, que é quen está  mostrando ao alumnado todo sobre esta inciativa, unha das voluntarias da Biblioteca e como non, da directora do colexio.

Explicouse porque está aquí a exposición e como agora eu son famosa son famosa e estou nun sello oficial, co que se poden mandar cartas polo mundo adiante, fun unha das que lle puxo o cruño aos sobres cos tres sellos cos que nos agasallan dende Correos. Tamén nos regalaron unha historia de España dende a perspectiva dos sellos que estará pronto rexistrada e a disposición de quen a queira ler., e unha placa de recoñecemento.

O máis importante é todo o que estamos a prender sobre os sellos e como o servizo postal evolucionou e con el os sellos, porque hainos de ouro, de sabores, de olores, en 3D, con sementes, en holograma... e o que é mellor é que se poden coleccionar. O alumnado levou uns cuantos para poder comezar a colección.

Hoxe de 4 a 6 e mañá tamén no mesmo horario, está aberto ao público en xeral a exposición, así que xa sabedes, non perdades a oportunidade de visitala. de todos modos por se alguén non pode, no vídeo vai un pequeno resumo do día.

O que é máis, saímos na prensa!!! https://www.farodevigo.es/arousa/2023/03/28/ceip-lomba-recorre-historia-espana-85254945.html

Máis adiante, poñerei un vídeo coas diferentes actividades que se fixeron cos distintos niveis. ¡¡Que sorte temos de desfrutar desta exposición no colexio!!

Bicos mollados

Rosalía

venres, 24 de marzo de 2023

Debullar, debullamos.

 Hoxe, despois de ter a reunión do club de lectura cos de 5º, falando de "Formig4s, misión Ros4lí4" parte dos membros do club, que tamén son voluntarios da biblioteca, foron por todas as aulas presentando o Logo do club "Debullando contos", para explicar que cando estivese posto nas portas de acceso a unha das zonas da biblioteca, iso quería dicir que o club estaba reunido, e que temporalmente non se podía acceder a esa zona da biblioteca. Tamén explicaron o que quería dicir "debullar", pois case ninguén o sabía.


Teño unhas fotos da reunión dos de 4º co profe Fernando para falar de Boruto, o libro que leron eles.


E teño unha foto do último día no que os de 4º remataron de ver a película de Harry Potter, que para celebralo así apareceron na biblioteca!!! Falaremos das diferencias que atoparon entre os libros e a película e que lle gustou máis, pero eso será outro día.

Bicos mollados.

Rosalía

martes, 21 de marzo de 2023

Día da Poesía

 Hoxe, 21 de marzo celébrase o Día da Poesía, e como xa sabedes, eu son "Rosalía, a ra que le poesía" así que quedei moi contenta cando vin que viñan buscar á biblioteca tantos libros para usar na hora de lectura. Aquí vos deixo unha mostra das fotos e do vídeo de 1ºC no que leron tan ben a coro.






Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 16 de marzo de 2023

Debullando Contos xa ten logo

 Olaaaaa. ¡Que contenta estou! Hoxe os de 6º do club de lectura viñeron a biblioteca para teren a súa reunión e empezar a ler o seguinte libro proposto "O misterio de Portomarín" de Antía Yáñez. Iso xa fai que estea contenta, pero é que hoxe presentamos o logo do noso club de lectura. 

Unhas vainas de chícharos das que saen os contos debullados, Penso que lles gustou, mirade senón as súas caras e dicide que opinades. 

Poñeremos na porta da biblioteca colgado o cartaz para avisar a todo o que pase por diante que dentro estamos reunidos.


Bicos mollados

Rosalía

domingo, 12 de marzo de 2023

365 días sen violencia

 Despois de teren montado o vídeo de parte das actividades do 25N, e antes de desmontar o mural da entrada do edificio da Lomba, decidimos aproveitalo e que todo o mundo pasara por el e facer unha montaxe ao grande. Alumnado, profesorado, persoal non docente e de de cociña fotografouse nel e así quedou a montaxe, porque non é so un día no que non debe haber violencia, deben ser os 365 días do ano.

Agardamos que vos guste.

Bicos mollados.

Rosalía

sábado, 11 de marzo de 2023

Rosalía sempre viva

 Ola a todo o mundo!!

¿Lembrades que o ano pasado participaran no concurso "Rosalía sempre viva" un alumno e unha alumna do Anexo? Pois este ano unha rapaza de 6º C, Sara del Oro Jiménez foi seleccionada para a final na Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, Lugo. Hoxe foi a final e aínda que non acadou un dos premios, ter o valor de se presentar e chegar a final, onde recitou diante de tanta xente descoñecida con ese aplomo, demostra que verdadeiramente é unha campiona. ¡¡Ben fachendosos podemos estar dela!!

Eu estou dobremente contenta, xa sabedes que eu son "Rosalía, a ra que le poesía" así que este tipo de actividades onde falamos de poesía e de Rosalía, fan que non pare de dar chimpos de ledicia na miña lagoa.

Aquí vos deixo unhas fotos e máis o vídeo para que comprobedes o ben que o fixo. ¡¡Parabéns de novo, Sara!!



Bicos mollados.

Rosalía



xoves, 9 de marzo de 2023

Pensamentos de Rosalía

 Ola de novo. Estamos que non paramos coas actividades do colexio. Entroido, Día de Rosalía, Día da Muller traballadora...

Hoxe seguindo a proposta do equipo de dinamización da Lingua Galega, o alumnado que así o quixo, compartiu con nós lecturas ou recitado de poemas de Rosalía de Castro. Un xeito de combinar o pensamento feminista de Rosalía e o 8M. Así estivemos cos expositores compartindo espazo.


Déixovos un vídeo no que podemos ver e/ou escoitar aos nosos/as recitadores/as.

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 3 de marzo de 2023

Unha grande visita

¡¡ Olaaaa!! ¡¡que sorte tivemos hoxe!! Como xa vos contara, os voluntarios da biblioteca estaban a preparar dous contiños para lles ler aos rapaces e rapazas da Escola Infantil Municipal e hoxe foi o Gran Día.

Viñeron en dous turnos, e dous turnos de voluntarios/as tivemos tamén. Como a gardería está ao ladiño mesmo do edificio da Lomba viñeron dando un paseiño e despois unha escalada, porque xa sabedes que a biblioteca está no 1º piso. Coma os nosos voluntarios/as valen tanto para un roto coma para un descosido, axudaron a que a ascensión non fora tan complicada (que sorte teño con eles/as😁)

A profe Mariel contoulles quen era eu, Rosalía, a ra que le poesía, que xa sabedes que a min escribir e ler o que faga falta, pero falar, e falar diante de tanta xente dáme un pouquiño de vergoña. Despois presentou os contos que ían contar: "El libro de las familias" coas piruletas que prepararon os de 5º do Anexo e o conto que se representou en vez de ser lido. Cunha pelotiña nunha quenda e comigo noutra, os da gardería foron dicindo o seu nome para que así xa nos coñeceramos un pouquiño máis, e igual que no conto "O día das apertas" acabamos dándonos grandes apertas.


A profe Mariel tamén lles contou un conto, ben, contar, contar... é que era un conto moi especial, porque é para ler pero tamén para xogar e cos dedos da man, no burato que había no medio, completou a historia do conto "Animales a mano".

Ao rematar eses contos, os nosos invitados quixeron ser eles os que elixiron os contos, e indo a outra sala da biblioteca, xa todos mesturados, profes, voluntarios/as e rapaces e rapazas estiveron cos contos que aquí enchen a miña lagoa. Como desfrutamos, eu non perdín comba e ata lin algún libro con algún dos amiguiños e amiguiñas que nos visitaron.

Pero todo o bo remata, e eles tiveron que volver ao seu colexio. De novo os voluntarios e voluntarias axudaron a que baixasen as escaleiras. de recordo da súa visita, levaron un marcapáxinas, claro, ¡¡que mellor agasallo para quen quere ler!!

Creo que lles gustou a visita, que algún xa nos dixo que mañá volvía. Para os que queiran repetir, o martes 7 teremos o colexio aberto pola tarde así que están convidados a repetir.

Aquí queda o vídeo da visita con anaquiños das historias contadas. Quérolle dar as grazas ao voluntariado tan riquiño que teño na miña lagoa e as profesoras da escola Infantil Municipal por aceptar a nosa invitación e vir coñecer a biblioteca, que non está feita soamente de libros, tamén de calor e cariño que se nota cando estás dentro. ¡¡¡GRACIÑAS!!!

 

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 2 de marzo de 2023

¡¡Sorpresa!!

 Os voluntarios e voluntarias da biblioteca están preparando dous contos para lles contar ao alumnado da Gardería Municipal, a que temos aquí ao ladiño do edificio da Lomba. Levan toda a semana cos preparativos e hoxe xa é o ensaio xeral, porque mañá venres, é o gran día. espero que lles guste a nosa biblioteca.

¡Que nervosa estou! e creo que non son a única.



Bicos mollados.

Rosalía



mércores, 1 de marzo de 2023

Dr. Slump 1 e 2

 Hoxe no club de lectura, o profe Fernando reuniuse cos de 5º que levaran Dr. Slump 2, pero que como algún non lembraba ben o nº 1, levaron os dous libros polo prezo dun, que aquí tamén facemos ofertas.

Falaron das diferencias entre o manga e o anime. Estivo moi interesante e eu aprendín moito, porque manga son os libros e anime as versións en formato debuxos animados. Como a mesma historia en función do formato na que a vexas varía, as cores que se lle poñen no anime e que no manga son en branco e negro e as diferentes doblaxes das series, en V.O.S. en castelán e en galego. O alumnado dicía que estaban máis condensados nos libros, que o que en anime eran dous ou tres cápitulos, correspondían a un de manga.


Bicos mollados.

Rosalía