venres, 15 de novembro de 2024

Mochilas viaxeiras do Anexo

 Olaa, 

Aquí as temos, preparadiñas en rampa de saída, para ir ás casas do alumnado do Anexo. 

Hoxe polo Magosto marcharán e poderán ter unha chea de libros e xogos cos que estar coa lectura en familia. ¿que máis se pode pedir? Unha manchea de castañas e un libro.



Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 14 de novembro de 2024

Club de lectura

 Olaa.

Entre onte e máis hoxe, a biblioteca non para.

Onte foi a quenda do grupo mixto. Nesta ocasión, foi Irene a encargada de lles entregar o libro "O pirata Plin, o pirata Plan" e de falar imaxinando cal sería o tema deste libro. Moi complicado non era de acertar, claro, pero na vindeira sesión xa nos dirán se lles gustou ou non.

 E hoxe o alumnado de 5ºB foi o que tivo a reunión para levar ás súas casas "Plan de rescate" de Antía Yáñez. Mariel ofreceulles varos títulos que serán os que lean neste curso, e decidiron empezar con este, e saber que é o que pasa nese colexio. Viñéronse arriba e a próxima cita xa quedou fixada para dentro de dúas semanas. E como xa son veteráns, cando ían marchar foron os que se lembraron de facer a foto, para demostrar o que lles gusta ler e poder, dende as súas casas, navegar ata esta lagoa e ser "famosos/as".

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 7 de novembro de 2024

Continúa rodando o Club de lectura

 Olaaa,

Onte, mércores, o alumnado de 4º da Lomba empezou a súa andaina no club de lectura desta lagoa. Estaban coma un flan, tiñan milleiros de preguntas que lle facer a Mariel, que que pasaba se non podían vir ás reunións, se non acababan o libro, se podían merendar... Pois todo iso xa lles quedou clariño e mentres merendaban, si, merendaban, porque aínda que normalmente non se pode comer na biblioteca, cando temos reunións do club de lectura ou preparación dalgunha actividade que nos leva todo o recreo, por suposto que merendamos, hai non, que de aquí non marcha ninguén con fame!

O libro proposto foi "Dona Problemas" do Hematrocrítico, e claro, o primeiro que pensaron era que a protagonista era a problemática, pero non, e ata aquí podo contar. Quedaron moi contentos e para a seguinte reunión, falaremos das súas impresións sobre o libro.


Hoxe, xoves, foi a quenda do alumnado de 6ºB. Desta volta o que se debullou foi Banda deseñada e o libro escollido "Idol!" de Alba Chan e Ene. Entre Fernando e Mariel lles presentaron este libro, que é en galego, no sentido oriental de lectura, feito  por dúas rapazas galegas e premiado como mellor Banda deseñada do ano. Unha das cousas que máis lles gustou, foi saber que ían ter a oportunidade de falar con elas dúas o vindeiro 20 de novembro!!! 😵Si, lestes ben, van vir ao colexio e van estar co alumnado de 6º do club de lectura. Eu non o penso perder, de feito, xa me lin o libro e espero que me asinen un deles para poder telo na biblioteca e poder alardear de que estiven con elas😍 So hai que lles mirar as cariñas que tiñan para se decatar de que coma min, non lles da chegado o día 20.

Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 6 de novembro de 2024

Traballando o PDI Folk na Lomba

Parte do  alumnado do Anexo foi a Santiago e estivo no Museo do Pobo Galego onde falaron (e nunca mellor dito) da importancia da transmisión oral, da poesía no mantemento e conservación do noso patrimonio, da música en particular e da cultura en xeral.

Aquí vos deixo os enlaces ao Facebook do Museo do Pobo Galego e do vídeo que lles fixeron en Youtube.

https://www.facebook.com/share/p/1L3UtWSMBa/ 


 Foi unha visita moi interesante, xogaron a cachón e volveron ao colexio sabendo moitas cousas novas.

Bicos mollados.

Rosalía