xoves, 30 de xaneiro de 2025

Día escolar da Non violencia e da Paz

 Olaa,

Todos os cursos e niveis participaron dunha ou doutra forma para realizar os murais que fixemos para este día. O alumnado de infantil e do 1º ciclo facendo mans que formaron o chan e a herba, os de 3º as pombas co lema deste ano: "Cantando e bailando, a Paz imos sementando" os de 4º e 5º as flores e follas co símbolo da Paz nelas e 6º coas frases e nomes de personaxes famosos en relación con ela.

Na Lomba, despois de varias semanas nas que parte do voluntariado da biblioteca, decidiu implicarse no mural que fixemos para este día, hoxe por fin rematamos e quedou listo. Partiu deles a idea de que os personaxes que participaban no mural, tiñan que representar a diversidade que existe na vida, que todo o mundo, sexa como sexa forma parte dela. Así temos persoas con vitíligo, cunha perna ortopédica, pasando un cancro... e todas elas están a gozar da vida, pois o primeiro de todo é que sexamos coma sexamos, nos levemos ben. Temos que lle agradecer tamén á profe Mónica que fixo de costureira para a roupa que se lle puxo a parte das personaxes.




A canción que se traballou este ano foi a de Paco Nogueiras "Apertas que voan" das que vos deixo a letra que se traballou en todas as aulas, pois se cadra máis que nunca neste momento temos que pensar no que significan as fronteiras que nos apartan e o pouco sentido que teñen salvo xeograficamente pola delimitación dun territorio, pero que non deberían ser máis ca iso.

 

















No patio cantamos e bailamos e mesmo en informática xogamos nas páxinas de Cokitos con actividades relacionadas.

 

En infantil sementaron e levaron a Paz as súas casas e unhas pombas, en 1º levaron unhas coroas, en 3º levaron uns lentes de paz... vamos, que por traballar nela non é, pero as veces da peniña pensar que temos que falar dela, cando segue a haber tanta guerra polo mundo adiante.

 

Dende a biblioteca recomendamos lecturas que se fixeron nas diferentes aulas coas nosas propostas.

Bicos mollados e cheos de esperanza e PAZ.

Rosalía

Ningún comentario:

Publicar un comentario