xoves, 16 de maio de 2024

PDI de 1ºA e 1ºB

 


Durante o primeiro trimestre os nenos e nenas de 1ºA e 1ºB fixeron un mural das Ilas Atlánticas da nosa ría. Para elo primeiro buscaron imaxes en internet e visualizaron vídeos das principais illas da Ría de Arousa: Cortegada, Arousa, Sálvora e a Rúa. Despois elaboraron un mural onde se indicaron os nomes das illas e a súa ubicación na ría de Arousa.

 





No segundo trimestre, profundizamos na información de cada unha das illas e os nenos e nenas tiveron que demostrar os seus coñecementos sobre as mesmas a través dunha busca do tesouro plantexada en Genially. Esta tarefa fixérona organizados en equipos na aula de informática.

 




Os pequenos e pequenas de 1ºA e 1ºB fixeron unha pequena investigación sobre a fauna e a flora das illas que logo presentaron oralmente ao resto de compañeiros e compañeiras do nivel. Algúns dos animais e plantas investigados foron: gaivotas, cormoráns, arroaces, xestas, píntegas ou os loureiros.


E que o "Son Ría" deu para moito.

Bicos mollados.

Rosalía
 

 

 

mércores, 8 de maio de 2024

GRACIAS MONTSE!!!

 Olaa,

Esta entrada no blog quere ser un recoñecemento para Montse Rodríguez, unha marabillosa persoa, unha profe de pintura que estivo dende a ANPA dando clase a rapazada, que ademais tivo aos seus fillos de alumnos no colexio e que sempre que dende o centro se lle pediu algo de colaboración, estivo aí, ao pe do canón. ¡Unha artista!

Xa no edificio vello, as paredes do baixo estaban cos murais de debuxos animados que facían que cando chegabas ao colexio, a vista se aledara.

Cando fixeron o edificio novo, os recantos do primeiro e segundo piso estaban tan tristeiros que outra vez, cos pinceis na man, axudou a transmitir ledicia. ¡Moitos días pasou subida a un andamio para poder facer semellantes debuxos de bonitos e de grandes, á par que incómodos de debuxar! A inspiración para o debuxo da portada do blog foi pensando na xente do campo e do traballiño que pasaban, como a súa avoa Manuela que toda a vida a pasou alí. ¿Como non vou estar eu agradecida co guapa que me debuxou, que cada vez que entrades no blog, vedes o seu traballo? E cando entrades na biblioteca aí estou eu, na porta cun libro na man, coma ten que ser!!! Sen esquecernos, como xa mencionaramos cando foi a exposición de selos de correos, que ter un autentico selo de circulación para poder mandar cartas na que saio eu, iso non hai quen o pague.

E claro, ¿que a entrada principal quedou moi sosa? Aí de novo apareceu Montse para arranxalo, dun lado a cortiza na que expoñemos murais de diferentes celebracións e doutro o seu fermoso debuxo.


 ¿Que se gradúa a cativada? pois outro debuxo para facelo máis bonito.

E haberá quen pense... "Na casa do ferreiro, coitelo de pau". Se cadra o pensan, pero están moi equivocados. Cando estaba embarazada de Miguel decorou o que ía ser a súa habitación que da xenio miralo😍

¿E por que conto todo isto? Porque haberá moita xente que ve os debuxos, pero non sabe o traballiño que levou facelos, as horas que botou aquí e que ademais dos debuxos, sempre ten un sorriso na cara. É de bo nacido, ser agradecido e non queriamos que pasara nin un día máis sen dicir ben alto:

¡GRAZAS MONTSE!

 Aquí queda un pequeno vídeo onde podedes ver os debuxos do colexio vello, moitos bocetos  que fixo cando estaba pensando que debuxar, algúns foron arriba e outros non, pero vese ben a artista que é. Ela forma parte inseparable desta a nosa Lagoa como biblioteca creativa que é.

 


E se quedades con ganas de ver máis obras das que fai Montse, aquí vos queda o enlace ao seu instagram.


 

 chuchamel.arte

 

 

 

 

 

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 6 de maio de 2024

Canto gusta ler cando as historias nos enganchan

 Olaaa,

O alumnado de 6ºA e 6ºB escribiulle unha carta aos Reis Magos para que lle trouxeran un libro para facer lectura conxunta e unha vez rematada, cambiar cos da clase do lado. Deste xeito, cun libro nada máis podían facer dúas lecturas.

Aquí temos as fotos cos libros e polas súas caras de satisfacción podedes imaxinar que a lectura foi un pracer.




Por se queredes sabelo, os títulos son "Sherlock Holmes – A banda de lunares" escrito por Sir Arthur Conan Doyle e "Diarios Zombi 1 – Vacapocalipse!" escrito por Guy Edmonds e Matt Zeremes. E mirade se lles gustaron que xa houbo quen mercou o segundo título de Diarios Zombi sen me dar tempo a mercalo eu na biblioteca😊

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 2 de maio de 2024

Segunda sesión de LEGO para 4ºA e B e 5ºA

 Que rápido pasou o tempo!  Xa fixeron a segunda e última xornada de formación con LEGO da man de NENOOS, e o xoves que ven tocaralles a 4ºc e 5ºC no anexo e 5ºB na Lomba.

Seguro que continuarán facendo cousiñas na biblioteca, que para iso está aberta toda a mañá e dúas horas polas tardes.

E que nesta sesión fixeron un rescate, helicópteros... que ben o pasaron, non hai máis que lles mirar ás caras. Déixovos fotiños e video.






Bicos mollados.

Rosalía


martes, 30 de abril de 2024

Aí ven o Maio de flores cuberto

🎵🎶 Olaaa,

Así comeza unha das cancións máis coñecidas dos maios, un poema de Curros Enriquez e musicado por Luis Emilio Batallán canción

No pabillón montamos o noso maio e posteriormente tocamos unhas coplas para facer o día redondo. Son costumes que non hai que perder e que dende ENDL se fomentan, pois forman parte da nosa cultura.

Para mostra un pequeno botón😉









xoves, 25 de abril de 2024

LEGO no Anexo e en 5ºB

 Olaa, 

Hoxe foi a quenda do alumnado de 4ºC e 5ºC no Anexo e de 5ºB na Lomba. De novo Cris explicou o funcionamento e os obxectivos desta actividade e todo o mundo aprendeu un montón. 

Fixádevos nas caras😉










 Bicos mollados.

Rosalía


Unha xornada máis de Bibliopatio

 Olaa,

Os nosos voluntarios outro día máis (xa sabedes, luns e xoves), baixaron o noso carriño ao patio para que así quen queira poida estar ao aire libre e ler durante o tempo de recreo. 

Xa sabemos que hai quen trae o libro da casa, ou mesmo que vai pola biblioteca antes de baixar ao patio, pero para a xente que se despista, temos esta modalidade.

¡¡Que non quede ninguén sen ler!! 



Bicos mollados.

Rosalía


martes, 23 de abril de 2024

Día do libro 2024

 Olaaa,

Hoxe estamos a celebrar o Día do libro, e vós diredes, ¿pero non se celebrou xa o 2 de abril? Pois non, ese é o do libro infantil. 

Hoxe é o Día Mundial do Libro e dos dereitos de autor. Celébrase dende 1995 cando foi fixado pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas pola Cultura, as Ciencias e a Educación).

Xusto preto desta data, o 23 de abril, Faleceron tres grandes da literatura mundial: Miguel de Cervantes (o creador do Quixote), Garcilaso de la Vega e Willian Shakespeare .

Dende a lagoa quixemos darlle visibilidade a Cervantes e por iso puxemos libros do Quixote expostos. Tamén poidemos ver capítulos dos debuxos que estabn en TVE hai unha chea de anos e que nesta versión teñen pictos, pois non nos esquecemos da integración nesta lagoa. Quixote pictado

Ademais nas aulas houbo propostas de lecturas no plan lector, había que ir mirando polas portas o que se ofertaba e apuntando o nome no que interesara.

O lema que ocupou este día foi "Bibliorría, pesca un libro e alégrate o día" facendo referencia ao noso PDI "Son Ría" e vaia si se pescaron libros, non tedes máis que mirar as fotos.

Tamén aproveitamos esta data para darlle unha segunda vida aos libros de espurgo, ofertando que os adoptaran e os levaran para casiña se estaban interesados.

En fin, que foi moi interesante e que gozamos e que lemos... Deixovos unha mostra para que o comprobedes.


 


 

Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 18 de abril de 2024

LEGO WEDO 2.0

 


Olaaa,

Non me puiden resistir, en canto preparamos todo para a actividade, xa pedín que me fixeran unha foto para que se vexa que eu tamén estou sendo activa e creativa. Os de Nenoos son os encargados de realizar esta formación dentro da Bilioteca Creativa do PLAMBE a que pertencemos.

No día de hoxe tiveron a sorte de facer esta actividade os de 4ºA, 4ºB e 5ºA. Por quendas baixaron á biblioteca e Cris, a monitora, foilles explicando como traballar con este programa e coas pezas, pero non só había que montar, había que programar e confirmar que o que eles querían facer, eran quen de programalo ben e que a súa máquina realizaba o esperado.

O traballo foi en equipo, e xa se sabe as veces xorden pequenos conflitos e frustración por non ser capaz de facer á primeira o que se pretendía... así é a vida e dos erros é de onde mellor se aprenden as cousas.

Eles quedaron encantados, esperando que lles toque xa a seguinte sesión para poder traballar máis e aprender. O 25 de abril serán os de 4º e 5º do anexo e os de 5ºB os que traballen co Lego.

Aquí queda un pequeno vídeo como mostra do traballado.

Bicos mollados.

Rosalía