mércores, 8 de maio de 2024

GRACIAS MONTSE!!!

 Olaa,

Esta entrada no blog quere ser un recoñecemento para Montse Rodríguez, unha marabillosa persoa, unha profe de pintura que estivo dende a ANPA dando clase a rapazada, que ademais tivo aos seus fillos de alumnos no colexio e que sempre que dende o centro se lle pediu algo de colaboración, estivo aí, ao pe do canón. ¡Unha artista!

Xa no edificio vello, as paredes do baixo estaban cos murais de debuxos animados que facían que cando chegabas ao colexio, a vista se aledara.

Cando fixeron o edificio novo, os recantos do primeiro e segundo piso estaban tan tristeiros que outra vez, cos pinceis na man, axudou a transmitir ledicia. ¡Moitos días pasou subida a un andamio para poder facer semellantes debuxos de bonitos e de grandes, á par que incómodos de debuxar! A inspiración para o debuxo da portada do blog foi pensando na xente do campo e do traballiño que pasaban, como a súa avoa Manuela que toda a vida a pasou alí. ¿Como non vou estar eu agradecida co guapa que me debuxou, que cada vez que entrades no blog, vedes o seu traballo? E cando entrades na biblioteca aí estou eu, na porta cun libro na man, coma ten que ser!!! Sen esquecernos, como xa mencionaramos cando foi a exposición de selos de correos, que ter un autentico selo de circulación para poder mandar cartas na que saio eu, iso non hai quen o pague.

E claro, ¿que a entrada principal quedou moi sosa? Aí de novo apareceu Montse para arranxalo, dun lado a cortiza na que expoñemos murais de diferentes celebracións e doutro o seu fermoso debuxo.


 ¿Que se gradúa a cativada? pois outro debuxo para facelo máis bonito.

E haberá quen pense... "Na casa do ferreiro, coitelo de pau". Se cadra o pensan, pero están moi equivocados. Cando estaba embarazada de Miguel decorou o que ía ser a súa habitación que da xenio miralo😍

¿E por que conto todo isto? Porque haberá moita xente que ve os debuxos, pero non sabe o traballiño que levou facelos, as horas que botou aquí e que ademais dos debuxos, sempre ten un sorriso na cara. É de bo nacido, ser agradecido e non queriamos que pasara nin un día máis sen dicir ben alto:

¡GRAZAS MONTSE!

 Aquí queda un pequeno vídeo onde podedes ver os debuxos do colexio vello, moitos bocetos  que fixo cando estaba pensando que debuxar, algúns foron arriba e outros non, pero vese ben a artista que é. Ela forma parte inseparable desta a nosa Lagoa como biblioteca creativa que é.

 


E se quedades con ganas de ver máis obras das que fai Montse, aquí vos queda o enlace ao seu instagram.


 

 chuchamel.arte

 

 

 

 

 

Bicos mollados.

Rosalía

Ningún comentario:

Publicar un comentario