martes, 5 de marzo de 2024

Tivemos visita!!!

 Olaaa!!! Chegou o día e a cativada da Escola Infantil Municipal achegouse á nosa biblioteca!!! Tivemos unha manchea de rapazas e rapaces na lagoa, mira se é certo que eran tantos, que houbo que facer dúas quendas para poder estar dentro.

Viñeron ben agarradiños á corda para non se despistar e xa abaixo, na entrada ao colexio, o voluntariado da biblioteca estaba esperando para poder recibilos como se merecen e para axudalos a subir ata o primeiro piso, que é onde están os nosos libros.

Presenteime, e os voluntarios e voluntarias tamén, para a continuación empezar coa lectura escenificada dos contos. Eu non perdín comba, estiven moi atenta. 

Os primeiros comezaron con "Ola, Arco da Vella" e despois foi a quenda de "Os planetas" Ao rematar a actuación apareceron cos andeis móbiles onde están os libros máis adecuados para a súa idade e escolleron os que máis lles gustaban para poder velos, tocalos e lelos, algúns xa soliños e soliñas, outros coa axuda do noso voluntariado. 

Pasamos un ratiño moi agradable, tanto que cando nos decatamos, xa tiñan que marchar, que chegaba a quenda seguinte. Axudámolos a baixar e a amarrar de novo a corda para non se despistar polo camiño que aínda que estamos ao lado, mellor é ir seguros.



¡¡Máis rapazada chegando ao colexio!! Segunda quenda subindo á Lagoa. 

Desta volta, despois de me presentar, os libros lidos polo voluntariado foron "La manita" e "Chim, bam, bum" Este último vai de facer música e ao rematar ofrecéronlles facer música aos que quixeran, que non foron poucos, aínda que había quen era máis vergoñento ca outro. E tiveron unha sorpresa os artistas, Sara estaba de aniversario así que lle cantamos todos xuntos e xuntas para darlle os nosos mellores desexos.

 

Obviamente tras a música, ¡os contos!, que  non poden faltar nunha biblioteca, elixiron, cambiaron, intercambiaron, leron, léronllos... e de novo o reloxo facendo que visita rematara para o noso pesar. Axudamos a baixar as escaleiras, pediron que outro día fósemos nós a visitalos a eles e xa estamos a pensar cando poderemos facelo.

De recordo da súa visita, as mestras levaron un marcapáxinas para cada un, e supoñemos que hoxe xa estará nas súas casiñas, para que se lembren de nós e se queren, esta poida ser a súa lagoa, cando veñan ao colexio dos maiores. deixamos este vídeo para que poidades ver un pouquiño desta visita que tanto nos gustou.



Bicos mollados.

Rosalía



Ningún comentario:

Publicar un comentario